Casares aplaude a decisión do Parlamento Europeo sobre o stiffening: “Poñemos coto a prácticas fraudulentas, ao vender como fresco un produto que non o é”

Abril 12, 2024

O Pleno rexeita a obxección presentada polo Partido Popular Europeo contra a proposta para fixar un límite temporal á práctica do stiffening

Con 403 votos en contra, 28 abstencións e 179 votos a favor, o Parlamento Europeo rexeitou a obxección presentada polo Partido Popular Europeo contra o regulamento delegado da Comisión, do 14 de decembro de 2023, que modifica os anexos II e III do Regulamento (CE) nº 853/2004 no relativo aos requisitos de hixiene de produtos cárnicos, da pesca, lácteos e ovos, entre os que se inclúe fixar un límite temporal á práctica do stiffening, unha técnica utilizada para facilitar o fileteado dos peixes afumados (especialmente no caso do salmón) arrefriándoos, a un máximo de 96 horas.

“O Parlamento cumpriu co seu deber ao rexeitar a obxección presentada pola dereita, o cal fortalece a competencia xusta no mercado e garante a saúde dos cidadáns”, afirmou o eurodeputado Nicolás González Casares. Pois aínda que esta práctica é legal cando se utiliza correctamente, almacenar ou transportar o peixe conxelado durante longos períodos sen informar os consumidores é ilegal e fraudulento.

Con este regulamento delegado espérase “poñer coto a prácticas fraudulentas, que constitúen un engano aos consumidores, ao venderlles como fresco un produto que non o é”, protexer a saúde dos consumidores e promover a competencia xusta. “Lamento que a dereita europea se situase a favor da fraude e en contra da competencia xusta, nunha mostra máis da súa deriva cara a posicións populistas e anti-ciencia contrarias aos intereses dos consumidores”, engadiu González Casares.

Tanto a asociación europea do sector -a European Salmon Smokers Association-, como os fabricantes españois apoian a medida de limitar temporalmente a práctica do stiffening coa que se busca reducir prácticas fraudulentas que levan a cabo nalgúns países, como Polonia, onde se mantén o peixe conxelado durante longos períodos sen informar os consumidores.

A Delegación Socialista Española apoiou esta medida desde o principio, argumentando que contribuirá a combater prácticas fraudulentas e protexer aos consumidores.

Artículos relacionados